Roi Rigueira, alcalde de Taboada: “Taboada é un pobo aberto e hospitalario, é un orgullo”

RibeiraSacraXa
Roi Rigueira, alcalde de Taboada: “Taboada é un pobo aberto e hospitalario, é un orgullo”, sostivo nunha entrevista
Roi Regueira Alcalde Taboada 2
25 Xuño 2023

Falamos con Roi Rigueira, primeiro alcalde socialista do Concello de Taboada despois de 36 anos de mandato popular e 14 da man de Ramiro Moure

Como afronta o reto de asumir a Alcaldía do Concello de Taboada despois de tantos anos de goberno popular?

É unha responsabilidade, pero afróntoa con moitas ganas, ilusión e ganas de traballar e facer cousas para mellorar a vida e os servizos dos veciños de Taboada.

Era necesario este cambio de goberno?

Eu creo que si era necesario e algo importante para que a xente poida ver e comprobar que outra maneira de facer as cousas é posible. Hai catro anos quedámonos a moi pouco e agora conseguimos un goberno de coalición.

Este será o primeiro goberno socialista do municipio, cre que é importante para o partido?

Para o PSOE sempre será importante acadar calquera Alcaldía e, no caso da de Taboada, onde levaba tantos anos gobernando o PP, é un aliciente para seguir traballando e para conseguir o cambio.

Como afrontou estas eleccións? Non eran as primeiras ás que se presentaba.

Nas anteriores eleccións quedámonos a 14 votos de acadar a maioría absoluta e a realidade e que afrontei as eleccións deste ano con moitas ganas e con confianza, con ilusión e o traballo do meu equipo. Traballamos para conseguir os mellores resultados posibles.

Estou satisfeito, o obxectivo era conseguir un cambio e, dentro de que houbera un cambio, o obxectivo era ostentar a Alcaldía e cumpríronse ámbolos dous.

Cales son os principais proxectos que levará a cabo?

Nun primeiro momento, estou intentando centrarme en poñerme ao día o antes posible, xa que todo é novo; pero dende logo que o obxectivo é tratar de proporcionarlles aos veciños os mellores servizos e o maior numero posible.

Ademais, é un labor prioritario a mellora e a potenciación do noso rural e das nosas aldeas, que é do que vivimos e a nivel xenérico.

Cales son os obxectivos de goberno a longo prazo?

A longo prazo o que buscaremos é que en Taboada se poida asentar xente nova, elaborar estratexias para captar inversión, conseguir máis servizos sociais e manter e mellorar os servizos que temos para facilitarlle a vida aos veciños. Logo, temos moito potencial turístico e temos que conseguir sacarlle partido.

Como é Taboada?

Taboada é un concello con moito potencial turístico, agrogandeiro e creo que podemos facelo ben. Taboada é un pobo aberto e hospitalario e eu sempre digo que ese é o maior motivo de orgullo que ten un pobo: chegar e tomar algo con xente que te acolle, un pobo no que temos un sentido de pertenza elevado. Somos un pobo do que estar orgullosos.

Falábame antes do rural, que se vai facer polas parroquias de Taboada?

O primeiro, faremos unha análise da situación actual e avaliaranse os proxectos que sexan máis importantes no curto prazo seguindo criterios para conseguir que se asente xente nova, explotacións...

Evidentemente, como concello rural, a aldea no Concello de Taboada supón unha gran porcentaxe de poboación. Temos explotacións gandeiras grandes e debemos achegar máis servizos a esas partes de poboación e evitar que os servizos marchen.

Xa ten pensada a estrutura de goberno?

Témola medio decidida, pero aínda non celebramos o pleno de organización. Pero está por facer.

Cre que a oposición llo poñerá fácil?

A oposición ten que facer o seu labor, igual que fixemos nós, e desde a oposición pódense facer cousas e aportar ideas. Eu agardo que o traballo da oposición vaia nesa liña. É cuestión da súa decisión, unha oposición pode facer cousas e conseguir cousas que sexan beneficiosas para a cidadanía

Por que cre que este ano as persoas deixaron de apostar con tanta forza polo Partido Popular?

Eu creo que nós fixemos un labor de oposición importante durante estes anos e a xente decidiu darlle unha oportunidade a outra xente para facer as cousas de maneira distinta. As esquerdas xuntaron o 65 % do total, polo que se demostrou que había ganas de cambio.

É rechamante a irrupción do BNG no panorama político de Taboada, cre que é algo positivo?

É unha subida importante e non é doado, apostaron por unha renovación da lista que lles saíu ben e creo que cando hai unha maneira distinta de facer as cousas, é positivo.

Por agora, no momento inicial de negociar, está habendo consenso, diálogo e ganas de traballar, polo que estou convencido de que o imos facer ben.

Como será, en resumo, este novo goberno de esquerdas para a veciñanza de Taboada?

Eu creo que vai ser un goberno caracterizado pola toma de decisións con consenso, colaboración, diálogo constante cos veciños para resolver os problemas comúns e casuísticas particulares.

O que vai quedar claro é que imos traballar por resolver o que poida xurdir e imos mellorar a vida e os servizos dos veciños de Taboada.

Roi Rigueira 2
Roi Regueira Alcalde Taboada
0.20047688484192