Ribas de Sil rehabilitará a Casa Ladrillo grazas a un convenio coa Deputación

O Concello de Ribas de Sil levará a cabo a rehabilitación da Casa Ladrillo, un edificio emblemático do centro de San Clodio, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Deputación de Lugo. A institución provincial achegará 300.000 euros para financiar a primeira fase da intervención, dentro dun proxecto que suma un orzamento total de 306.323 euros, co que tamén se mellorarán outras zonas públicas do municipio.
A rehabilitación da Casa Ladrillo contará cun investimento próximo aos 170.000 euros e incluirá traballos como a limpeza e rexuntado dos muros de cachotería, a reparación da cuberta, a substitución da carpintería exterior, a reconstrución do corredor tradicional e a escaleira exterior, así como a demolición do almacén anexo e a recuperación do anexo lateral oeste.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou que “trátase dunha edificación en pleno centro de San Clodio que ten gran valor patrimonial, representativa da arquitectura tradicional galega que se atopa en moi mal estado”. Engadiu que coa axuda “conseguimos, por unha banda, garantir a seguridade cidadá da vila, salvagardar o patrimonio e sentar unhas bases necesarias para a rehabilitación integral do edificio”.
Historicamente, o inmoble albergaba na planta baixa diferentes comercios e talleres artesanais, mentres que no andar superior había tres vivendas con acceso polo corredor e a escaleira exterior. O Concello planea destinalo a usos culturais e comunitarios, con espazos como unha biblioteca, un museo do ferrocarril e unha oficina de turismo, ademais de rehabilitar as vivendas para uso social.
Ademais da intervención na Casa Ladrillo, o convenio permitirá mellorar a conservación das zonas verdes, vías e espazos públicos do municipio mediante a compra de maquinaria especializada e a contratación de tres operarios para tarefas de limpeza, xardinería e mantemento. Entre os equipamentos previstos destaca a adquisición dunha varredora industrial que facilitará a limpeza das rúas e beirarrúas.
San Clodio dispón de dous parques infantís, unha praia fluvial e un paseo fluvial con amplas zonas verdes e arborado, que precisan labores periódicas de mantemento, dentro dunha contorna que forma parte do Xeoparque do Courel.
Para Tomé Roca, “este convenio permite que un Concello pequeno como este poida asumir unhas actuacións que son fundamentais para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas e garantir o equilibrio territorial”. Engadiu que a Deputación seguirá actuando “como un Concello grande” para apoiar aos municipios da provincia, xa que a cooperación é un dos piares do seu Goberno.