Ribas de Sil e o colectivo pedagóxico Vagalume estuda novas vías de colaboración

O pasado sábado celebrouse en San Clodio unha reunión de traballo entre representantes do Concello de Ribas de Sil e a Asociación Pedagóxica Vagalume, con sede en Valdeorras, para explorar posibles liñas de colaboración no ámbito educativo e cultural.
José Fernández, psicólogo e orientador con ampla traxectoria profesional no Barco de Valdeorras, acudiu en representación de Vagalume, mentres que polo Concello participaron os concelleiros Luis Fernández e Rosy Quiñones. Durante o encontro abordáronse propostas como a organización conxunta de concursos literarios ou a posibilidade de compartir algunhas das conferencias que Vagalume imparte nos seus encontros “Familia-Escola” e noutras actividades ao longo do ano.
A visita tamén incluíu un percorrido polo Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), guiado polo alcalde Roberto Castro. Dende o Concello valoran moi positivamente esta primeira toma de contacto e destacan o seu interese por impulsar proxectos que fomenten a cultura, a educación e o diálogo entre familias, profesorado e comunidade educativa.