Ribas de Sil adquire un punto limpo móbil para fomentar a reciclaxe
O Concello de Ribas de Sil está a desenvolver unha serie de iniciativas co fin de incidir no coidado do medio ambiente. Entre elas, o goberno local vén de mercar un camión de lixo novo, que recibirá nos vindeiros días, e outro vehículo cun pequeno punto limpo incorporado. Estas adquisicións supuxeron un desembolso de máis de 181.000 euros.
O camión co punto limpo móbil instalarase por períodos naquelas parroquias que non dispoñen de colectores para separar os residuos co fin de fomentar a reciclaxe entre os veciños e veciñas. O vehículo dispón ademais dunha caixa que permitirá reforzar o servizo mensual de recollida a domicilio de mobles e outros elementos de grandes dimensións en desuso.
O Concello ten tamén en marcha a adquisición de 25 composteiros para entregar aos veciños que queiran facer o seu propio abono e reciclar residuos orgánicos.
O obxectivo destas medidas, din desde o goberno local, é que os residentes no municipio "aposten aínda máis pola reciclaxe e a xestión sostible dos residuos".