Rematan os traballos de mellora da Fonte da Ponte, en Chantada

RibeiraSacraXa
Os traballos consistiron na dotación dunha nova estrutura para optimizar as condicións estéticas e de salubridade
fonte-da-ponte-chantada
12 Nov 2025

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Infraestruturas Urbanas, acaba de rematar os traballos de mellora da Fonte da Ponte, dotándoa dunha nova estrutura para optimizar as condicións estéticas e de salubridade.

Agora, o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil estudan un posible cambio da tubaxe que vai á fonte xa que, segundo explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, “as tubaxes desta fonte son moi antigas e prodúcense arrastres que poden afectar á calidade da auga. Renovamos a estrutura exterior porque o veciñado viña demandando unha mellora e agora estamos cos trámites coa Confederación para, co cambio da tubaxe, mellorar a calidade da auga”.

Ademais, desde a concellaría de Infraestruturas Urbanas trabállase tamén nun plan de análise da auga que garanta un control exhaustivo das fontes máis utilizadas, co fin de mellorar estes servizos e conservar estes elementos patrimoniais. Neste sentido, desde o Concello lembran que xa se levaron a cabo varias actuacións, como a renovación da Fonte da Portada e o Lavadoiro de Zaquín, no casco urbano de Chantada. Agora, explica o alcalde, “estamos a facer o mesmo nas parroquias, utilizando as subvencións para a conservación dos lavadoiros, e botando man doutras axudas ou fondos propios para seguir dando vida a estas infraestruturas”.

⚙ Configurar cookies
0.075671911239624