Rematados os traballos na Casa do Concello e no multiusos de Carballedo

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu un total de 211.000 euros en diversas actuacións no municipio de Carballedo a través das últimas ordes de axudas a concellos para mellorar infraestruturas municipais.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde, Julio Yebra, visitaron hoxe as instalacións para comprobar o resultado das obras realizadas na Casa do Concello e no edificio multiusos, que contaron cunha achega autonómica de 117.500 euros no marco da orde plurianual de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións públicas, cofinanciada con fondos Feder.
Entre as intervencións destacadas destacan a renovación das carpinterías exteriores, nova climatización e a substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED.
Ademais, percorreron os traballos de mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura e do campo de fútbol, realizados cun apoio de 51.500 euros ao abeiro do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local do 2025. Na Casa da Cultura instalouse “un sistema de calefacción e climatización mediante bomba de calor na planta alta”, mentres que na área deportiva a iluminación foi substituída por tecnoloxía LED.
A maiores, a liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do ano pasado destinou 30.000 euros á modernización do alumeado público municipal, cambiando os antigos equipos por luminarias LED de alta eficiencia. Dentro da liña non competitiva do FCA, concedéronse tamén 12.300 euros para mellorar a iluminación do lugar de Vilar do Monte, na parroquia de Aguada.
O delegado territorial, Javier Arias, recordou que “a Xunta ten aberto o prazo de solicitudes das axudas do Fondo de Compensación Ambiental do 2026”, dotado cun orzamento de máis de 11,4 millóns de euros. As solicitudes poden presentarse ata o 6 de marzo e teñen como obxectivo impulsar accións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e ao reequilibrio territorial.