Rematadas as obras de mellora da eficiencia enerxética no campo de fútbol Os Medos, na Pobra do Brollón

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o campo de fútbol Os Medos, na Pobra do Brollón, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas co apoio do Goberno galego. As obras contaron cunha achega de 51.600 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotado con 5 millóns de euros.
As melloras centráronse no sistema de auga quente sanitaria, coa colocación de bombas de calor, no sistema eléctrico, coa substitución de luminarias e outras instalacións, e na cubrición con sistemas a base de panel sándwich. Segundo sinalou a directora xeral, os obxectivos das actuacións son favorecer o aforro enerxético e asegurar o máximo confort na práctica da actividade deportiva.
Natalia Prieto lembrou que desde a semana pasada xa está aberto o prazo da nova convocatoria das axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética, dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes, e animou as administracións locais a solicitalas. O orzamento para este exercicio mantense nos 5 millóns de euros.
Ademais de darlle prioridade a instalacións deportivas, educativas, sociais, sanitarias ou culturais, nesta liña valórase o tipo de investimento, con maior puntuación para a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas. A maiores, téñense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.