Remata a mellora dos accesos á Finca de Tor
A Deputación de Lugo recepcionou este mércores as obras de mellora dos acceso á Finca de Tor, en Monforte, que impulsou a institución provincial cun investimento de preto de 480.000 euros. Na entrada da finca fíxose efectiva a finalización dos traballos coa sinatura da acta de recepción da obra que realizaron técnicos da institución provincial e da empresa Acoval S.L.
“Este é un proxecto moi importante, pero non só polo volume de investimento, senón porque é un gran avance na comunicación vial entre o centro da cidade con este complexo”, afirmou o presidente provincial José Tomé, quen subliñou ademais que responde ao seu compromiso de impulsar e poñer en valor a Finca de Tor para convertela nun referente para o sector primario con actividades vinculadas coa produción ecolóxica e a formación universitaria.
“Hai máis de doce anos, no 2009, a Deputación procedeu á mellora do primeiro tramo, que é o que enlaza a estrada provincial LU-P-3207 coa da Xunta, a LU-617. Agora reactivamos este proxecto e completamos o arranxo da pista, ata chegar ao Aulario do Pazo de Tor”, explicou Tomé.
Os traballos consistiron no ensanche da vía LU-P-3207, dende o quilómetro 0 ata o 3,3. Iniciáronse no punto no que estaba parado o ensanche, e continuouse cunha nova construción en liña recta a través dos prados, chegando a conectar coa pista existente que accede ao Pazo, nunha lonxitude de 600 metros, entre os puntos quilométricos 2,7 e 3,3.
Pola súa banda, a actuación dentro da Finca de Tor consistiu na construción dun novo vial ata o Aulario, con novos accesos, unha rotonda para cambiar o sentido da circulación e estacionamentos para coches e autobuses.
O presidente da Deputación destaca que esta é unha obra importante porque “queremos impulsar e poñer en valor a Finca de Tor”. O Pazo “xa é un referente para o noso turismo. É unha peza clave na Rede Museística Provincial que debemos espremer aínda máis, co fin de potenciar o noso patrimonio”, e o conxunto da finca “ten moitas posibilidades”. Engade que “ao igual que estamos a facer coas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, a nosa intención é converter Tor nun referente e nun elemento tractor para o noso sector primario, neste caso poñendo en marcha actividades vinculadas á produción ecolóxica e á formación universitaria”.