Recepción aos colectivos culturais, gaitas e unha obra infantil para celebrar as Letras Galegas en Quiroga
O Concello de Quiroga conmemorou o Día das Letras Galegas coa recepción na Casa Consistorial aos distintos colectivos culturais do municipio, a quen o mandatario local, Julio Álvarez, quixo agradecerlle o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano en prol da nosa cultura.
A xornada festiva, que este ano está adicada a Florencio Delgado Gurriarán, comezou no salón de plenos coa entrega dos premios aos gañadores do Certame de narración e debuxo Letras Galegas 2022.
A continuación chegaba a música tradicional galega a cargo do grupo local “O Recanto”, que interpretou ás portas da Casa do Concello o himno galego.
Como remate da xornada, ás 20.00, a Casa da Cultura acolleu a representación da obra de teatro infantil “O león azul”, a cargo de Trécola teatro. Un conto dramatizado con dúas actrices, con emprego de escenografía, vestiario, atrezzo e música. Trátase dun león que chega á vila cun circo. A súa tristura por regresar coa súa familia en África é tan inmensa que é contaxiosa. Unha nena decide liberalo e axudalo.
Esta actividade chega a Quiroga a través do programa “ Ler Conta Moito” da Consellería de Cultura, Educación e Universidade .