Reabre o parque da Compañía de Monforte tras a reforma integral impulsada polo Concello

O parque da Compañía volve abrirse ao público tras unha reforma integral que renovou por completo camiños, zonas verdes, mobiliario urbano e iluminación. Os operarios retiraron este venres o valado perimetral que protexía a obra, permitindo que xa poida ser desfrutado por toda a veciñanza e visitantes.
“A veciñanza xa pode desfrutar da mellora espectacular dun espazo de referencia en Monforte”, sinalou o alcalde, José Tomé Roca, quen destacou a importancia desta intervención e apuntou que, pese aos atrasos provocados polas chuvias dos últimos meses, a partir de agora os e as monfortinas xa poden contar con “este espazo magnífico para desfrutar do lecer”. O rexedor engadiu que, con esta reforma, o Concello dá “un paso máis na importante mellora e transformación deste entorno emblemático no centro urbano da nosa cidade”.
O proxecto de reforma, executado pola empresa Calfensa Proyectos S.L. por un importe de 223.832,94 euros, afectou a unha superficie de 10.025 metros cadrados ao sur da explanada, no entorno dos Escolapios. A intervención incluíu a substitución do pavimento dos percorridos peonís e do carril bici, ampliando a súa anchura ata os dous metros e utilizando formigón fratasado de 20 cm, máis seguro e cómodo para peóns e ciclistas.
Nas zonas verdes retiráronse arbustos e algúns árbores de pequeno porte que dificultaban o mantemento, substituíndoos por céspede con rego automático e terra vexetal nivelada para facilitar a conservación. Tamén eliminaron os bordos que podían provocar tropezos e recheouse a zona central con grava estendida e compactada.
Durante os traballos levantouse e recolocouse o mobiliario urbano existente, incluíndo aparatos biosaludables, bancos e mesas de pedra. Ademais, creáronse novos paseos peonís pavimentados, instaláronse bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con grifos pulsadores e reixas sumidoiro. A iluminación renovouse con luminarias LED e pintáronse marcas viarias continuas e discontinuas, así como símbolos nos percorridos peonís e no carril bici.
O alcalde lembrou que esta actuación completa as melloras que o Executivo levou a cabo nos últimos anos nesta zona emblemática: a renovación do parque infantil (177.000 euros), a construción dunha pista de skate (77.000 euros), a mellora da pista polideportiva (48.000 euros) e a renovación da fonte cibernética da praza (62.000 euros). “Con esta actuación, seguimos a completar as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo neste espazo”, destacou Tomé, que recordou que a inversión total na zona nos últimos anos rolda os 600.000 euros.