Ramón Casanova imparte dous obradoiros en Monforte
O Ateneo de Monforte ofrece dous obradoiros de acción visual na contorna do río Cabe impartidos por Ramón Casanova, fotógrafo e docente da arte. O primeiro obradoiro celebrarase do 26 ao 29 de xullo de 9 a 13 horas e consistirá en imaxinar o río con cámaras autoconstruidas e calotipo.
Traballar con cámaras autoconstruidas achéganos a unha observación consciente, fainos entender como funciona a captación das imaxes, desbota a mirada fugaz e obríganos a decidir dende onde, que e como miramos. Traballaremos con cámaras de gran formato, que nos permiten obter negativos de ata 40x40cm. O soporte sensible será papel, o que nos permite visualizar todo o proceso de revelado e nos permite obter positivos por contacto do mesmo formato que o negativo.
Os máximos participantes que poderán asistir serán 7. Para máis información ou para inscribirse, pódese contactar no teléfono 648 435 033 (preferentemente por WhatsApp)
No caso do segundo obradoiro, tratarase de imaxinar o río con fotografía sen cámara. Este, celebrarase do 2 ao 5 de agosto e o horario será de 10 a 14 horas e de 23 a 1 horas. Neste caso o máximo número de asistentes serán 12 a inscrición realizarase no mesmo número de teléfono.