Quiroga reforzará os servizos municipais durante o verán coa axuda de voluntarios

O Concello de Quiroga volverá contar este verán coa colaboración de mozos e mozas voluntarios para reforzar distintos servizos municipais. En total, dez rapaces e rapazas xa asinaron o seu acordo de participación co Concello a través do programa de voluntariado solicitado á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta experiencia permitirá aos participantes ampliar o seu currículo e adquirir experiencia en diferentes ámbitos.
Na sinatura do acordo estiveron presentes o concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, e Marisa Castro, directora do CIM e coordinadora dos campamentos de verán.
Parte destes voluntarios prestará apoio nos campamentos municipais de verán, dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, que comezarán o vindeiro 1 de xullo. O resto dos mozos e mozas colaborará na atención dos museos de Quiroga e noutras actividades organizadas polo Concello ao longo da tempada estival.
Durante o protocolo de sinatura do convenio, o concelleiro de Xuventude explicou aos voluntarios as tarefas que desempeñarán, así como as indicacións necesarias para o coidado dos nenos e nenas participantes nos campamentos e para a atención ao público nos museos. Ademais, recibirán instrucións para colaborar no resto de iniciativas municipais previstas para este verán.