Quiroga recupera a memoria comunitaria co proxecto “Tecendo Memorias”

RibeiraSacraXa
Iniciada o pasado verán grazas a un convenio coa Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, a iniciativa chegou ao seu fin esta semana
tecendo-memorias-quiroga
7 Mar 2026

O Concello de Quiroga, en colaboración coa Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, puxo en marcha o pasado verán o programa 'Tecendo memorias', unha iniciativa que buscou recuperar a memoria colectiva da comunidade a través de distintos obradoiros.

O último desenvolveuse esta semana coa intervención de tres participantes do obradoiro, acompañadas da concelleira de Igualdade, Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, nun programa de radio no que foron entrevistadas por tres alumnas do CEIP de Quiroga e que se centrou, principalmente, nos xogos como parte fundamental da infancia.

O programa levouse a cabo a través de tres grupos de traballo os que se buscou revitalizar a cultura popular e as historias de vida que reforzan a identidade local, ademais de reactivar e estimular a memoria colectiva, comunitaria e popular, favorecendo así a participación cidadá. Foron, ademais, un espazo de encontro entre veciños do rural que permitirá preservar costumes e coñecementos, compartindo tradicións, experiencias e saberes.

Entre os traballos realizados estiveron a recompilación de relatos centrados na infancia para elaborar unha guía didáctica para uso do CEIP de Quiroga dentro do seu programa de proxectos escolares. A maiores, pretendíase poñer en coñecemento do alumnado deste centro educativo algúns dos coñecementos recollidos no obradoiro a través da radio do colexio.

Ademais do proxecto da guía didáctica, outro dos grupos do obradoiro centrouse na elaboración dun pequeno receitario que recolla comidas típicas da zona. Por ultimo, terceiro dos grupos de traballo recolleu información centrada nas Ferrerías de Quintá e A Rodela e a súa vinculación coa Toca, coa que se busca a creación dunha ruta con paneis explicativos.

0.11975002288818