Quiroga presenta o programa da XII Mostra do Aceite
Pechado o programa de actos para a XII Mostra do Aceite de Quiroga que se celebrará o 29 de maio no lugar das Farrapas, en Bendilló. Esta festa que conta dende o ano 2014 co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia, será como sempre unha mostra máis etnográfica que festiva, onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño terá especial protagonismo.
Precisamente a posta en funcionamento do muíño, ás 11.30 horas, será o inicio da mostra coa demostración da elaboración tradicional do aceite será o acto que abrirá o programa dunha xornada na que o AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) será o protagonista. Durante toda a mañá o aceite elaborado por cinco olivicultores do municipio estará á venda no recinto feiral.
Para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas (situada ao seu carón) proxectarase este proceso.
Como novidade desta edición, a mostra contará cunha inauguración oficial. Será ás 12:45 cando a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, se encargue do simbólico corte de cinta. E ás 12.00 horas haberá unha actuación a cargo do grupo de gaitas O Recanto
Como complemento no recinto feiral tamén se poñerán á venda produtos típicos da comarca e poderase degustar polbo e churrasco. Tampouco faltará a música tradicional, o grupo de gaitas O Recanto animará o recinto feiral.