Quiroga presenta o cartel oficial da XLIV Feira do Viño


O Concello de Quiroga presentou esta mañá o cartel oficial da XLIV Feira do Viño, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de abril. A proposta escollida leva por título “Quiroga, terra mai” e é obra de Antía Rodríguez Montenegro.
A autora, residente na Coruña pero con raíces familiares en Quiroga, mantén unha estreita vinculación co municipio, ao que regresa con frecuencia. A presentación do cartel tivo lugar na Ermida, localidade de orixe da súa nai. O deseño parte da idea de converter o territorio no elemento central da composición, cun enfoque que busca reflectir a identidade do concello. Tal e como explicou a creadora, a proposta xorde dunha reflexión clara: “Quiroga non só produce viño, senón que é viño”.
A través da técnica da acuarela, o mapa do municipio convértese no soporte visual sobre o que se representa a riqueza natural do val. As cores verdes e terras evocan a paisaxe, a fertilidade e a tradición agrícola, mentres que os acios de uva, integrados na silueta do territorio, simbolizan a relación directa entre a xeografía e o produto protagonista da feira.
Outro dos elementos destacados do cartel é a presenza dos nomes de todas as parroquias do concello, unha decisión que responde, segundo a autora, a un sentimento de pertenza colectiva. “Como acios dunha mesma vide, todas compoñen a esencia do noso territorio”, sinala, nunha proposta que busca transmitir unha visión conxunta da identidade local.
O cartel, que pretende ser “unha representación emocional do que somos: terra, viño e comunidade”, foi elixido no marco dun concurso dotado cun premio de 300 euros e diploma acreditativo. A imaxe gañadora será a encargada de promocionar todas as actividades vinculadas á XLIV Feira do Viño de Quiroga.