Quiroga pon en marcha os traballos de roza co novo tractor

Este mércores comezaron os labores de limpeza co tractor con rozadoira adquirido recentemente polo Concello de Quiroga. A compra desta maquinaria foi posible grazas a unha achega de aproximadamente 120.000 euros procedente de Presidencia da Deputación de Lugo, tras a sinatura dun convenio de colaboración co ente provincial.
A primeira intervención do tractor realizouse no camiño municipal que conecta Castromouco co acceso ao Despegue de Parapente de Vilañán. Os concelleiros Luís Manuel Arias e Antonio Marcos desprazáronse ata o lugar para supervisar o avance dos traballos.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Javier Arias, o principal obxectivo deste vehículo será levar a cabo a limpeza de pistas forestais e vías de acceso a distintos núcleos de poboación. Ademais, indicou que os veciños poderán solicitar a limpeza de camiños públicos cando o consideren necesario.
Pola súa parte, o concelleiro de Emprego, Antonio Marcos, destacou que a solicitude deste tractor á Deputación de Lugo se baseou na ampla extensión do municipio e na gran cantidade de quilómetros de vías que require mantemento.
Grazas a esta nova maquinaria, preténdese axilizar a limpeza e mellorar o estado das vías de comunicación nun concello que conta cunha superficie de 317 km².