Quiroga organiza unha viaxe a Santiago para asistir á obra “Memorias dun neno labrego”

O Concello de Quiroga ten programada unha viaxe a Santiago de Compostela o domingo 18 de xaneiro para asistir a unha nova función incluída no programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego. A proposta cultural permitirá ao público desprazarse ata o Salón Teatro para ver a representación de “Memorias dun neno labrego”, unha adaptación escénica dirixida e dramaturxicamente creada por Cándido Pazó a partir da obra de Xosé Neira Vilas, coincidindo co X aniversario do seu pasamento.
A peza ofrece unha nova lectura teatral dun dos textos máis emblemáticos da literatura galega a través da figura de Balbino, un neno de aldea, fillo de labregos pobres, que medra nun entorno marcado polos silencios, o traballo e a obediencia. O espectáculo percorre, desde unha voz sincera e sensible, diferentes lembranzas que van desde a tenrura da infancia ata a toma de conciencia das desigualdades, recreando algúns dos episodios máis representativos da novela, como o maltrato escolar, a perda dun amigo ou dun animal querido, a frustración do primeiro amor, a dureza do traballo, a emigración, a represión da expresión persoal ou a tristura de sentirse diferente nun mundo que non admite preguntas. Xunto a iso, tamén se amosan os costumes e as celebracións festivas da aldea, así como as esperanzas e pequenas alegrías que, malia todo, ofrece a vida.
A memoria persoal de Balbino convértese así nun reflexo da memoria colectiva dunha Galicia rural que foi mudando ou esvaecéndose co paso do tempo, nunha montaxe que pon no primeiro plano a emoción, sen renunciar ao humor nin á relación directa co público.
O autobús sairá da Casa da Cultura de Quiroga ás 14:30 horas e a función comezará ás 18:00 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O prezo da actividade é de 5 euros por persoa e o regreso a Quiroga está previsto para as 20:15 horas. As persoas interesadas en participar, tendo en conta que as prazas son limitadas, poden anotarse ata o 14 de xaneiro na Casa da Cultura, de maneira presencial ou a través do teléfono 982.43.51.25.