Quiroga organiza unha andaina polo Camiño do Ferradal
O departamento de deportes do Concello de Quiroga organizou unha nova andaina polo municipio o domingo 16 de maio. Nesta ocasión a ruta escollida é o Camiño do Ferradal, que vai dende Rugando ata Soldón. O obxectivo deste programa é o de coñecer as rutas homologadas que hai no concello. A saída será na praza de España ás nove da mañá para ir a Rugando.
Trátase dunha actividade gratuíta e non competitiva para a que é preciso inscribirse previamente na casa da Cultura a través do 982.43.51.25 antes do 14 de maio. As prazas están delimitadas entre 20 e 55 prazas.
O camiño do Ferradal ten unha lonxitude de 12 km e descorre paralela ao río Soldón, con subidas e baixadas que fan que sexa de dificultade media e que o seu recorrido estea en torno ás catro horas de duración. Trátase dun antigo camiño polo que se traía o mineral de ferro dende as zonas altas ata as Ferrerías desta zona e que pasa por un paraxe no que as explotacións mineiras tiveron gran importancia, posto que a cova de Ricopete ou Pena Furada formaron parte dun canal romano para traer auga á zona mineira de Sequeiros. Tras esta ruta, a xornada rematará cuns pinchos, mantendo a distancia de seguridade e cumprindo as medidas sanitarias correspondentes.
Este programa de Andainas polo Val de Quiroga púxose en marcha no pasado outono como alternativa á práctica deportiva que se viu paralizada pola pandemia sanitaria. No pasado outono recorréronse as rutas da Encomenda, da Conchada e do Río Quiroga; e este ano a primeira das rutas realizadas foi a do Xeoparque Montañas do Courel.