Quiroga organiza obradoiros gratuítos de Nadal para favorecer a conciliación  entre  as familias do concello

RibeiraSacraXa
Están destinados a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e haberá un total de 40 prazas
Nadal-recurso
19 Dec 2024
 Co fin de axudar ás familias de Quiroga, coa atención dos seus fillos e fillas no Nadal, dende a área de  Educación, Infancia e Igualdade, ponse en marcha novamente o programa Concilia Quiroga.

A posta a posta en marcha do programa ben motivado pola boa acollida que tivo durante o verán e tamén, como destacou a concelleira que dirixe este departamento, Maite Pérez Grao, pola vontade de axudar ás familias a conciliar este tempo de vacacións para os máis pequenos da casa cubrindo ese tempo de ocio gratuitamente.

Estes obradoiros, que contan con 40 prazas para nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade, están dirixidos primeiramente aos empadroados en Quiroga, de quedar prazas bacantes daríaselle cabida a outros cativos. Os rapaces que estarán baixo o coidado de catro monitores coa titulación precisa e a supervisión do Centro de Información á Muller, dividiranse en catro grupos repartidos entre a Casa de Cultura, a Ludoteca e a Sala de exposicións, ao igual que se fai nos campamentos de verán.

Dentro do programa, entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, inclúense diferentes obradoiros encamiñados todos eles ao Nadal. O primeiro deles será o día 23, entre as 11:00 e as 13:30 o obradoiro leva por título “Xogamos co Apalpador”. Ese mesmo día pola tarde entre as 17:00 h e as 18:30 horas os nenos e nenas poderán visitar a Papá Noel.

 O día 26, ao igual que o 2 de xaneiro, entre as 11:00 e as 13:30 horas, o obradoiro centrarase na decoración de Nadal. O obradoiro dos experimentos de Nadal desenvolverase o día 27 tamén en horario de  11:00 e as 13:30 horas.

Centrado nos instrumentos musicais destas festas organizouse o obradoiro a desenvolver o 30 de decembro entre as 11:00 e as 13:30 horas. O mesmo horario no que tamén se desenvolverá o obradoiro do día 3, que leva por título Preparándonos para os Reis Magos.

Os obradoiros rematarán os días 3 e 4 coa festa de Nadal con inchables que se celebrará no pavillón municipal entre as catro da tarde e as oito do serán.

As prazas para participar nestes obradoiros gratuítos son limitadas, e cubriranse por rigorosa orde de inscrición que deberá de formalizarse no Centro de Información á Muller do Concello, antes das 14:00 horas de mañá xoves 19 de decembro. Cada rapaz deberá de inscribirse no obradoiro que desexe participar, habendo a posibilidade de inscribirse en varios ou na súa totalidade, sempre que haxa prazas, agás para a festa de Nadal con inchables que non precisa inscrición.

0.1750659942627