Quiroga celebrará este 4 de abril unha nova edición do seu Certame Celtibérico de Bandas

Quiroga acollerá o vindeiro 4 de abril unha nova edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, un evento que conta co apoio da Xunta de Galicia e que celebrará o ‘Memorial Muiño’, primeira fase da décimo sétima edición. Nesta ocasión, a cita servirá tamén para render homenaxe a Xan de Vilar.
A presentación tivo lugar na Delegación Territorial de Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera Castro; o organizador do certame e director da Real Banda de Ourense, José Luis Foxo; e o director da Banda de Gaitas de Chantada, Xoan Carlos López Vázquez. O acto incluíu ademais a actuación de dous gaiteiros da agrupación Toxo Queimado, de Baleira.
O certame coincidirá cunha das xornadas da Feira do Viño de Quiroga e reunirá a un total de doce agrupacións procedentes de distintas provincias galegas. Ourense achegará a maior representación, con sete bandas, mentres que A Coruña contará con dúas. Pola súa banda, a provincia de Lugo estará presente coas formacións de Monterroso, Chantada e Toxo Queimado.
A programación comezará ás 11:30 horas cun desfile das agrupacións participantes desde a Casa da Cultura ata a Praza de España. Media hora despois está previsto o inicio do campionato.
Durante a presentación, o delegado territorial puxo en valor o papel do certame na promoción da música tradicional galega, destacando o seu labor “achegando a nosa música tradicional a un público diverso e poñendo en valor o gran traballo das bandas de gaitas, auténticas escolas que manteñen viva a tradición formando novos talentos”.