Quiroga acollerá unhas xornadas formativas gratuítas sobre administración electrónica

RibeiraSacraXa
As sesións desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de abril e as inscricións estarán abertas ata o día 20
dixitalizacion
7 Apr 2026

Quiroga celebrará a finais de abril unhas xornadas formativas gratuítas centradas no uso da administración electrónica e nas ferramentas dixitais para a relación coa Administración. As sesións desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de abril, en horario de 16:00 a 19:00 horas, na aula CEMIT da Casa da Cultura e terán unha duración total de 8 horas.

A iniciativa busca achegar á cidadanía os principais conceptos, sistemas e utilidades da administración electrónica, así como facilitar o uso autónomo de servizos públicos en liña.

O programa estrutúrase en tres módulos, estando o primeiro dedicado aos trámites básicos e ao funcionamento da administración electrónica, incluíndo o uso da carpeta cidadá, consultas, notificacións e xestións habituais como a solicitude de certificados ou consultas en organismos públicos.

A segunda sesión centrarase no ámbito sanitario e nas ferramentas dixitais dispoñibles, como a aplicación Sergas Móbil, ademais doutras plataformas como É-saúde e TELEA, que permiten xestionar citas, acceder a servizos sanitarios e manter comunicación con profesionais da saúde. Tamén se abordarán sistemas de identificación dixital como o certificado electrónico, o DNI electrónico e a Chave 365.

A última xornada tratará cuestións relacionadas cos pagos en liña, a privacidade e a seguridade dixital, incluíndo recomendacións sobre transaccións seguras, protección de datos e xestión da pegada dixital nos dispositivos.

Estas actividades están organizadas no marco de iniciativas impulsadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través de Red.es, e forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente na Casa da Cultura de Quiroga ou a través do teléfono 982 435 125 antes do 20 de abril.

0.11565113067627