Quiroga abre o prazo para solicitar as axudas para os estudantes
O Concello de Quiroga abre este luns o prazo para solicitar as axudas anuais que se conceden aos estudantes menores de 25 anos e dependentes economicamente que cursan ensinanzas superiores (universitarias, formación profesional, mestrados ou educación especial) fóra do termo municipal de Quiroga.
Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica.
As contías que poderán percibir os solicitantes que cumpran os requisitos irán en función do número de solicitudes, entre os que se repartirán os 8.000 euros, mil máis que o pasado ano, consignados para este fin. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante 20 días hábiles a contar dende hoxe.