Publicada a concesión de axudas para actividades culturais da Vicepresidencia da Deputación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Publicada a concesión de axudas para actividades culturais, convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Cartel Mercado Feira Medieval 26 27 03 2022 baixa (1)
22 Jun 2022

Este martes publicouse no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional de axudas de concorrencia competitiva para a organización de actividades de interese cultural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Máis de 175 colectivos e asociacións culturais das distintas comarcas resultaron beneficiarias da convocatoria, que conta cun orzamento total de 200.000 euros.

A través das achegas, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo financia clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, actividades de formación no eido das artes escénicas, a produción de documentais, a celebración de festivais, certames, xornadas relacionadas coa historia ou patrimonio, así como outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial organizadas por asociacións en todo o territorio da provincia.

A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “con esta convocatoria renovamos o noso compromiso coas asociacións distribuídas polas parroquias, concellos e comarcas, que facilitan o acceso á actividade cultural en todo o territorio e xeneran un dinamismo moi necesario para o sostemento do tecido ecónomico vinculado a creación e á produción cultural”.

Engadiu que “a cantidade de solicitudes recibidas confirma que o tecido cultural de base se sobrepuxo á pandemia, e estamos orgullosas de poder decir que contribuímos a esa fortaleza, coas adaptacións da convocatoria que fixemos os dous últimos anos” e lembrou tamén que “estas axudas directas aos colectivos culturais se complementan coas programacións teatrais, musicais e audiovisuais que se desenvolven ao longo do ano desde a área de Cultura, para as que sempre se conta coas demandas das asociacións”.

A resolución publicada este martes no BOP ten carácter provisional. As entidades solicitantes teñen un prazo de dez días hábiles -ata o 6 de xullo- para presentar alegacións.

0.16681098937988