Producións Teatrais Excéntricas chega a Monforte coa súa función ‘As desterradas’

RibeiraSacraXa
Será esta tarde no Edificio Multiusos
as-desterradas-monforte
26 Feb 2026

Monforte ten unha nova cita co teatro esta tarde no Edificio Multiusos, coa representación da función “As desterradas”, que comezará ás 20:15 horas.

Dirixida por Quico Cadaval e interpretada pola compañía Producións Teatrais Excéntricas, a función forma parte do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios organizado polo Concello de Monforte e está baseada nun texto de Carme Varela, galardoado co 25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais. As entradas teñen un prezo xeral de 5 euros, mentres que desempregados, xubilados e estudantes poderán acceder por 3 euros.

A obra sitúase no século XVI e narra como unha pequena comunidade de monxas á beira do río Miño sofre a presión da cobiza eclesiástica. Para acabar coa súa resistencia, os señores da Igrexa difaman e ameazan ás freiras utilizando todos os medios posibles, desde o tribunal da Inquisición ata a violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe este thriller conventual no que a vida das mulleres autosuficientes continúa entre rezos, bordados e melindres, mentres a ameaza exterior se cierne sobre o convento de Albeos. O elenco conta con Melania Cruz, Patricia Vázquez, Rebeca Montero, Rocío González, Belén Constenla e Víctor Mosqueira.

As sesións do teatro no Multiusos continuarán nas próximas semanas con novas propostas: o 12 de marzo terá lugar “A Historia vaxenial”, de Artyc Content, galardoada co VI Premio Luísa Villalta á igualdade; o 26 de marzo Carlos Blanco presentará o seu espectáculo “A Penúltima”; o 23 de abril será a quenda de “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai; e o 26 de abril os máis pequenos poderán gozar de “Berenguela na gaiola”, da man de Galeatro Producións Escénicas.

0.13030505180359