Presentado o festival Eidos de Outono, que se celebrará no Courel
No día de hoxe, celebrouse a presentación en Lugo do festival Eidos de Outono, que se celebrará en Folgoso do Courel. Interviñeron na cita a alcaldesa do municipio, Lola Castro; o secretario da Fundación Uxio Novoneyra, Uxío Novo; Xaime Casas, director de Eidon Música -promotora do evento-, así como dúas das artistas confirmadas, Uxía e Wöyza. O festival conta cunha achega de 49.500 euros da Xunta de Galicia.
Desta maneira, explicouse que se colabora nesta medida extraordinaria de apoio ao sector musical no marco da programación conmemorativa do Ano Santo. A iniciativa pretende reactivar a actividade empresarial e artística neste ámbito, e recuperar a programación cultural en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico, como é o caso de Folgoso do Courel.
O festival desenvolverase entre os días 30 de outubro e 1 de novembro na praza do Concello de Folgoso e na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Mestura músicas de vangarda, poesía e natureza, e contará coas actuacións citadas de Uxía e Wöyza & The Galician Messengers xunto co grupo Califato 3/4, Rodrigo Cuevas, Babykatze, Sila Lua, Marta Toro e Xabi B.
Igualmente, está prevista unha lectura de Os Eidos. O libro do Courel, de Novoneyra, máis un roteiro de avistamento de aves co biólogo Xabier Vázquez Pumariño.
Este evento, que cumpre a súa segunda edición, é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando no verán dende 2015 no Courel; “esperamos que esta nova proposta se consolide tamén como un referente no ámbito cultural da provincia”, afirmouse.