Presentado en Monforte o libro sobre Don Pedro Fernández de Castro

RibeiraSacraXa
Tomé xunto coa autora, a historiadora Manuela Sáez, presidiu o acto de presentación do volume, publicado pola institución provincial.
jose tome roca manuel saez
6 Jul 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa autora do libro Coleccionismo y Almoneda del Gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro, Manuela Sáez, presentaron no Centro de Viño de Monforte de Lemos esta publicación que foi editada polo organismo provincial, “dentro do noso compromiso coa divulgación do patrimonio e da cultura da provincia”.

“Estamos ante unha obra monumental, un fito no coñecemento dunha da figuras máis sobresaíntes da Idade Moderna en Galicia. Co rigor e a minuciosidade que define toda a súa traxectoria como historiadora, Manuel Sáez pon ante nós o conxunto dos bens que Don Pedro deixou á súa morte. Como quen xunta as pezas dun quebracabezas, a doutora Sáez xunta mobles e tapices, pezas de prata e cadros dos mestres italianos, debuxos e vaixelas, para compoñer ao final un completo retrato da vida da alta nobreza galega no século XVI e XVII”.

Tomé Roca repasou os principais fitos do Conde Pedro Fernández de Castro, poñendo o foco, sobre todo, na súa vinculación coa cidade de Monforte. “Foi un dos principais nobres da súa época. De feito, a súa decidida defensa do dereito de Galicia a contar con voto en Cortes fíxolle ir caendo en desgracia ante o Rei Felipe III e o seu valido, o poderoso Conde-Duque de Olivares. Como non puido conseguir o que desexaba, retirouse ó seu palacio de Monforte, a pasar os derradeiros anos entre libros e obras de arte. Sen amargura, xustificou a súa decisión cunha interesante reflexión filosófica e política: cando non podes o que queres, tes que querer o que podes”, explicou o Presidente, quen lembrou que o conde “deixou boa proba do seu amor por Monforte”.

“Como as grandes obras da historia, esta de Manuela Sáez está chamada a xerar no futuro novos estudos. Nela pódense estudar cuestións como o prezo e o aprecio que no pasado acadaban os obxectos de luxo ou os cotiáns, ou a evolución do aprecio dos artistas que co tempo consideramos indispensables”, afirmou.

Así mesmo, indicou que este libro “é unha peza máis no coñecemento da historia de España, de Galicia e de Monforte de Lemos, localidade natal do conde e da autora, ámbolos dous unidos a través dos séculos polo amor ao seu pobo”.

“Contan as crónicas que o rei Felipe III louvou nunha ocasión o traballo de Don Pedro como presidente do Consello de Indias dicindo que honrou o cargo e se honrou a si mesmo. Penso que este eloxio resulta acaído para o traballo que hoxe presentamos. Sen dúbida, esta obra honra ó Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, que editou este libro dentro do noso compromiso permanente coa divulgación do patrimonio e da cultura da provincia. E honra, unha vez máis, á súa autora, ao demostrar de novo a súa mestría e excelencia no cultivo da fermosa disciplina da Historia”, asegurou o presidente.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17917799949646