Quiroga presenta o XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas ‘Memorial Muíño’

RibeiraSacraXa
Será o 19 de abril no marco da Feira do Viño de Quiroga e contará coa participación de 15 bandas e máis de 400 gaiteiros
presentacion-certame-celtiberico-bandas-de-gaitas
Presentación do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas ‘Memorial Muíño’
9 Apr 2025

Dentro do actos da Feira do viño de Quiroga, celebrarase na vila quiroguesa o XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas (1ª fase). Nesta ocasión o certame retoma o nome de Memorial Muíño, en lembranza da figura do artesán e investigador José María Alfonso García Muíño.

Na mañá de onte presentábase o certame no Parador de Monforte de Lemos, segundo os seus organizadores, un lugar vinculado á cultura no que naceron numerosos romances antigos.
José Luís Rivera, Alcalde de Quiroga, abría a presentación do que cualificaba como o único evento deste tipo que ten Galicia e que non se pode perder.

O Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaba na presentación amosando a súa satisfacción por asociar o nome da Xunta de Galicia a este traballo continuo tan importante en prol da cultura galega.

O certame leva novamente o nome de Memorial Muíño e está adicado nesta ocasión ao gaiteiro do Bierzo, Hilario García, como un acto de recoñecemento tras o seu falecemento, como explicou na presentación Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e organizador do evento.

Precisamente a banda ponferradina será a única agrupación non galega que asistirá ao certame na presente edición. Estará acompañada no cartel por seis bandas ourensás, dúas da Coruña e catro de Lugo. As representantes da provincia serán as de Chantada, Val de Lemos, Falcatrueiros de Monterroso e Toxo Queimado de Baleira.

Serán quince as bandas, máis de 400 gaiteiros, as que participen neste certame, chegadas dende distintos puntos de Galicia e incluso dende o Bierzo, como se destacou na presentación.

O certame desenvolverase o sábado día 19 de abril. Ás 11.30 horas comezarase co desfile das bandas participantes pola rúa Real, dende a Casa da Cultura ata a praza España, lugar onde se desenvolverá o certame que tamén se poderá seguir a través de streaming (XoseLoisFoxoLIVE). O certame comezará previsiblemente ás 12.00 horas, e abrirá coas bandas de 4º grado, onde están incluídas as Bandas de Gaitas dos Concellos de Castrelo de Miño e Riós e a Banda de Gaitas Fuentesnuevas de Ponferrada. No terceiro grado participarán as Bandas de Gaitas da Escola Municipal de Xinzo de Limia, Tarde Piaches; a banda de Gaitas de San e San Pantaleón das Viñas (Ferrol) e Ladies Band (Ourense). No segundo grao son catro as bandas de gaitas que concursan: a do Concello de Chantada, a do Val de Lemos, a de Xinzo de Limia e Falcatrueiros de Monterroso.

Finalmente no apartado de bandas de gaitas de primeiro grado participan as bandas de Agarimo de Catabois (Ferrol), a Real Xuvenil (Ourense) e Toxo Queimado de Baleira.
A presentación remataba coa interpretación dunha muiñeira polo gaiteiro maior das Terras de Lemos, o quirogués Emilio Estévez.

⚙ Configurar cookies
0.18183016777039