Presentada a obra Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago
Presentada a obra da antropóloga Mar López, Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas parades, un traballo no que se recollen mostras desta técnica ornamental que se usa na decoración dos muros e fachadas e que inclúe unha exposición de fotografías que se poderá visitar no instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela.
Así pois, puxéronse en valor as iniciativas como a de Mar López que buscan reivindicar o valor natural e artístico que posúe a Ribeira Sacra. Ademais, hai que lembrar que é importante conseguir o maior número de apoios para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco definitivamente.
Neste sentido a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a relación dos esgrafiados co Camiño de Santiago e destacou que “estamos diante dun traballo con moito percorrido, que nos permitirá enriquecer o noso patrimonio cultural e etnográfico tanto de Galicia como da Ruta Xacobea” ao tempo que destacaba a necesidade de garantir tanto a súa conservación como o seu coñecemento e recoñecemento.
Análise de máis de 720 pezas
O traballo feito pola antropóloga conta co apoio do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, o instituto Campus Stellae e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e ofrece unha análise de máis de 720 pezas que denota, tal e como salientou o conselleiro, “unha paixón clara pola antropoloxía, a arte e o territorio”.
O resultado desta investigación reflíctese na obra presentada creando unha guía patrimonial distinta e unha experiencia natural que nos traslada a lugares agochados da demarcación ribeirense a través dunha cronoloxía rotunda sobre o legado destes traballadores que crearon un xénero propio: os esgrafiados de estilo galego.
Cómpre recordar que a recuperación de esgrafiados é un dos obxectivos recollidos no Pacto pola Paisaxe para a protección, xestión e ordenación da paisaxe na Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra.