Por Chantada pide impulsar un plan municipal integral para incentivar o alugueiro e o acceso á vivenda

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de rexistrar unha moción que será debatida no pleno do Concello para impulsar unha estratexia municipal integral para incentivar o alugueiro residencial e facilitar o acceso á vivenda, enfocada principalmente á mocidade, as familias con rendas medias e baixas, as persoas maiores e outros colectivos en situación de vulnerabilidade.
Dende por Chantada lembran que que o dereito a unha vivenda digna e axeitada está recoñecido no artigo 47 da Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Porén, advirten, hoxe en día a vivenda é un dos principais problemas para a sociedade, tal e como avalan os datos do CIS, que sitúan a vivenda como a principal preocupación cidadá, especialmente en canto ao alugueiro.
No caso concreto de Chantada, sinalan, existe un número elevado de vivendas baleiras, tanto na vila como nas parroquias e que se atopan fóra do mercado, incumprindo, din, “a función social da propiedade e contribuíndo á escaseza de oferta e ao aumento dos presos”. Unha situación que para Por Chantada “provoca que persoas que xa viven en Chantada teñan enormes dificultades para atopar un alugueiro e dificulta seriamente que novas persoas poidan estabelecerse no concello en condicións dignas”.
Ademais, poñen o foco no abandono progresivo do rural e na perda de poboación das aldeas, defendendo que “facilitar vivenda digna é unha ferramenta chave para manter vivos os núcleos rurais e frear o seu esmorecemento”. Neste sentido, o grupo lembra que xa no ano 2020 se aprobou por unanimidade unha moción sobre edificacións ruinosas e vivendas abandonadas, da que cinco anos despois, denuncian, “non se materializou ningún avance significativo”.
Por iso, esixen a elaboración dun censo municipal de vivendas baleiras e dun censo voluntario de demandantes de alugueiro, co obxectivo de coñecer a realidade da oferta e da demanda no municipio.
Ademais, a moción solicita tamén o estabelecemento de incentivos fiscais municipais para quen incorpore vivendas baleiras ao alugueiro como residencia habitual, especialmente no ámbito rural, incluíndo bonificacións no IBI e reducións ou exencións no ICIO e noutras taxas municipais para obras de rehabilitación destinadas ao alugueiro non estacional. Así mesmo, piden un estudo da modificación da ordenanza do IBI para aplicar recargos ás vivendas desocupadas e a creación dun programa municipal de intermediación no alugueiro, no que o Concello actúe como mediador entre persoas propietarias e inquilinas, ofrecendo seguridade xurídica, asesoramento e garantías públicas fronte ao non pagamento ou posibles danos, con acompañamento dos Servizos Sociais.
Ademais, a proposta recolle tamén o impulso de convenios coa Xunta de Galicia e entidades do terceiro sector para ampliar o parque público e social de vivenda, o desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización dirixidas ás persoas propietarias de vivendas baleiras e a realización dunha avaliación periódica das medidas adoptadas para mellorar a súa eficacia.
Con esta moción, explican, Por Chantada pretende “abrir un debate serio e construtivo e acadar o maior consenso posible no Pleno”, defendendo que “o acceso á vivenda é un dos piares fundamentais para garantir o futuro social, económico e demográfico do concello”.