Ponse en marcha unha nova edición de Musiqueando
A Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición do Musiqueando, orientado á difusión da música tradicional e popular. Desde este mércores, grupos tradicionais, corais e bandas poderán solicitar a súa participación a través dos modelos de solicitude dispoñibles en cultura.deputacionlugo.gal e anexados tamén á convocatoria publicada este martes no BOP. Así mesmo, os concellos e asociacións interesados en programar actuacións deste catálogo tamén terán que solicitalo, a través das mesmas canles. O prazo para tramitalas permanecerá aberto, en ambos casos, até o 31 de maio.
Un ano máis, a Deputación farase cargo do importe total das actuacións, liberando aos concellos e asociacións culturais do investimento, como fixo no 2020. Desta forma, manteranse as novidades do ano pasado en canto a financiamento, asumindo o cen por cen do custo das actuacións. A finalidade desto é apoiar aos concellos e ás asociacións por manter a actividade cultural nun ano coma este.
Neste sentido, destacouse que “na hora de abordar a recuperación, non podemos deixar de lado a situación das bandas e dos grupos de música tradicional. Detrás delas hai sempre persoas a traballar para facilitar que na súa parroquia, concello ou comarca exista a xente poida estar en contacto coa música, a través de actividades culturais pero tamén formativas como clases de música e de baile. Desde a súa creación, na primeira etapa de goberno nacionalista na Deputación, Musiqueando contribuíu a consolidar este tecido asociativo que sen estar totalmente profesionalizado ten unha gran repercusión económica e social moi notable, e cremos que neste momento este pulo é máis necesario ca nunca”.
Convocatoria
Musiqueando está aberto á participación de todos grupos de música tradicional, corais e bandas que teñen a súa residencia ou sede social na provincia. O importe que reciben polas actuacións establécese en función do tipo de grupo e do número de integrantes, variando entre os 750 e os 2.500 euros. Os concellos e asociacións terán que programar as actuacións solicitadas desde o 3 de xullo até o 14 de novembro.
No caso de que as circunstancias sanitarias impidan celebrar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual que a área de Cultura difundirá a través das súas canles dixitais.