Pantón será o escenario dunha proba pioneira de transporte de uvas mediante dron

RibeiraSacraXa
A iniciativa enmárcase dentro do proxecto ESCAI, que busca abrir camiño ao uso de novas tecnoloxías en sectores produtivos como o vitivinícola
vendimia-viñedos-ribeira-sacra
24 Sep 2025

O 25 de setembro de 2025 a Bodega Finca Míllara, no concello de Pantón, acollerá unha proba pioneira en España de transporte de uvas mediante dron. O ensaio, que comezará ás 12:00 horas, enmárcase no proxecto Espazo para Servizos Aéreos Comerciais Innovadores (ESCAI), unha iniciativa que pretende abrir camiño ao uso de novas tecnoloxías en sectores produtivos como o vitivinícola.

A demostración permitirá comprobar a viabilidade do traslado de uvas desde as viñas da Ribeira Sacra empregando drons, unha opción que podería facilitar a loxística en zonas de difícil acceso.

ESCAI é un ecosistema de ámbito estatal que persegue o desenvolvemento de servizos aéreos innovadores con criterios de seguridade, sustentabilidade e viabilidade económica. O proxecto piloto está promovido e financiado por Ineco e conta co apoio da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), ENAIRE, a Dirección Xeral de Aviación Civil (DGAC) e o Clúster Español para a Mobilidade Aérea Innovadora (SIAM).

A iniciativa esperta un gran interese entre os viticultores da comarca, que ven na aplicación de drons unha posible solución para mellorar a recollida e o transporte nun territorio marcado pola viticultura de montaña.

⚙ Configurar cookies
0.087524890899658