Pantón celebrará o seu tradicional Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas de Entroido o 21 de febreiro

RibeiraSacraXa
As inscricións permanecerán abertas ata o 19 de febreiro
entroido-budian-panton
28 Jan 2026

Pantón volverá despedir o Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do seu tradicional Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas, que terá lugar o sábado 21 de febreiro. Unha cita xa consolidada no calendario festivo do municipio que, nesta edición, contará cun inicio moi especial protagonizado polos traxes tradicionais do Entroido de Budián.

Serán os coñecidos “brancos e farranquís” deste lugar os encargados de abrir o desfile, nun xesto co que o Concello quere recoñecer e poñer en valor o traballo da veciñanza de Budián, que leva anos recuperando e mantendo viva esta tradición. O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destaca que esta presenza “é un modo de visibilizar a recuperación do Entroido máis tradicional e o esforzo das veciñas e veciños por conservalo ano tras ano”.

O desfile dará comezo ás 16:00 horas, con saída desde o colexio Monte Baliño. As persoas participantes deberán concentrarse media hora antes, ás 15:30 horas, portando o número de identificación facilitado no momento da inscrición. O percorrido discorrerá polas rúas de Ferreira ata rematar na Praza do Concello, onde, coa chegada da última comparsa, celebrarase unha chocolatada acompañada de baile e reparto de agasallos doces para o público infantil.

As inscricións permanecerán abertas ata o 19 de febreiro ás 18:00 horas e deberán formalizarse na Casa da Cultura de Pantón. Para completar o trámite será necesario presentar o DNI da persoa representante, un certificado bancario da conta na que se ingresará o premio no caso de resultar gañadores, así como un enderezo e teléfono de contacto.

O certame contará con diferentes categorías e premios tanto para comparsas adultas como infantís, establecidas segundo o número de compoñentes. No caso das comparsas de adultos, os premios oscilarán entre os 300 e os 50 euros, mentres que nas categorías infantís irán desde os 180 ata os 20 euros. Ademais, todas as comparsas que presenten carroza recibirán unha axuda de 50 euros, e aquelas con máis de dez integrantes percibirán 80 euros, cantidades que non serán acumulables aos premios.

O xurado estará formado por cinco representantes escollidos por sorteo entre as comparsas de máis de dez participantes, ademais dunha persoa allea que terá voto de calidade en caso de empate. Valorarase especialmente o vestiario e a maquillaxe, a elaboración do disfraz, a posta en escena e a música, reservándose o xurado a posibilidade de deixar algún premio deserto ou conceder accésits se así o considera.
Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile e serán entregados en efectivo unha vez anunciados os resultados.

⚙ Configurar cookies
0.086362838745117