Pablo Graña asume a presidencia do PP en Xunqueira de Espadanedo

O Partido Popular celebrou este sábado o seu congreso local en Xunqueira de Espadanedo, no que Pablo Graña Rodríguez foi elixido novo presidente da agrupación, confirmando así un proceso de renovación iniciado meses atrás, cando accedeu á alcaldía do municipio.
Durante a súa intervención, Graña puxo en valor o traballo das etapas anteriores e sinalou o inicio dun novo ciclo político. “Hoxe comezamos a construír unha nova etapa sobre os cimentos que vos puxestes”, salientou durante a súa intervención, na que definiuse como unha persoa comprometida co seu municipio. Aquí tedes a alguén que traballa por e para Xunqueira de Espadanedo, o sono da miña vida”, sinalou o alcalde do municipio.
O novo líder local lembrou tamén o respaldo recibido no pasado mes de setembro por parte do seu antecesor, Carlos Gómez, para asumir o goberno municipal. “Hoxe tomo as rendas para liderar a agrupación local do PP coa enerxía que me caracteriza”, destaca graña, que subliña que entre as súas prioridades destaca a necesidade de reforzar a cohesión interna, apostando pola “unión” como base do seu proxecto, co obxectivo de “traballar para todos porque Xunqueira ten moito que dicir e estamos aquí para que a nosa voz escóitese ben forte”.
O acto contou coa participación de responsables provinciais do partido, entre eles o presidente, Luis Menor, quen salientou o momento que vive a formación no municipio. Na súa intervención, destacou o “paso firme e decidido” da agrupación local, á que definiu como unha organización “viva, unida e con futuro”.
Menor fixo fincapé no modelo de renovación interna dos populares, ao que se referiu como un “relevo natural”, e subliñou o perfil do novo presidente, asegurando que o partido necesita “moitas persoas coma el: activos, dinámicos e co interese real de defender a súa terra e traballar polo territorio". Para o mandatario provincial, a elección de Graña demostra que existe “proxecto e futuro” no municipio.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi a homenaxe a Carlos Gómez polos seus catorce anos á fronte do concello. O dirixente provincial cualificou a súa traxectoria como de “servizo público impecable” e puxo en valor a súa decisión de dar paso a unha nova etapa mantendo o compromiso co grupo municipal.
Menor enmarcou este proceso dentro dunha estratexia máis ampla do partido, defendendo que no PP ourensán “non hai fendas, hai pontes”, ao combinar renovación e experiencia. Neste sentido, apelou a consolidar a confianza cidadá de cara ás eleccións municipais de 2027 e aos retos políticos a nivel autonómico e estatal.