Os Plenos do Concello de Monforte poderán verse en directo de forma telemática

RibeiraSacraXa
O goberno municipal renovou o sistema audiovisual do Salón de Plenos do Concello grazas a unha axuda da Deputación de Lugo de aproximadamente 68.000 euros
pleno-Monforte
Concello de Monforte
21 Feb 2025

O vindeiro pleno da corporación municipal do Concello de Monforte, que se celebrará este luns 24 de febreiro, poderá verse en directo de forma telemática.

O Executivo de José Tomé acometeu unha importante renovación do sistema audiovisual do Salón de Plenos do Concello, grazas a unha axuda provinte da Deputación de Lugo, a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática e dos fondos NextGeneration da Unión Europea.

O investimento, que rondou os 68.000 euros, supuxo a renovación de todos os micrófonos do arco plenario, a instalación de cámaras de 360 grados, e a implementación dun equipo que permite a gravación, emisión en directo, automatización e dixitalización das sesións plenarias. Do mesmo xeito, este sistema permite gravar ou emitir en directo calquera acto que se celebre neste Salón de Plenos.

“Este novo sistema audiovisual de nova xeración co que xa conta o Salón de Plenos de Monforte, permitirá, ademais de poder seguir en directo os Plenos da Corporación Municipal ou calquera outro acto que se considere dende o Equipo de Goberno, automatizar o proceso de creación da acta dos plenos municipais a través da implantación deste sistema, que permite gravar a sesión e que esta gravación serva como base para a xeración da videoacta do pleno, de acordo co Decreto 25/2018 de 15 de febreiro sobre os libros de actas e de revolucións das entidades locais galegas”, explicou o alcalde.

Neste senso, as videoactas das sesións do Pleno do Concello de Monforte, pódense consultar en: https://videopleno-monfortedelemos.deputacionlugo.org/

O novo sistema permite substituír, con validez legal, as transcricións a texto das actas das sesións plenarias, por videoactas que inclúen a gravación completa do Pleno da Corporación, así como o indexado e minutado dos puntos da orde do día correspondentes.

Tamén permite a gravación do son con independencia da imaxe, o cal posibilita a gravación de xuntanzas nas que se require a gravación das intervencións pero nas que non é necesario gravar imaxes.

0.16708302497864