Os paxes dos Reis Magos que chegarán mañá a Monforte serán alumnos dos centros de ensino da cidade

RibeiraSacraXa
A Cabalgata de Reis do Concello de Monforte celebrarase este venres 5 de xaneiro, a partir das 17.
4 Xan 2024

A Cabalgata de Reis do Concello de Monforte celebrarase este venres 5 de xaneiro, a partir das 17.30 horas, cando os Reis Magos de Oriente chegarán á Estación do Tren de Monforte.

Na estación, serán recibidos polo Alcalde e por membros da Corporación municipal, e coa música da Escola de Gaitas do Concello e aproveitarán a ocasión para saudar a todos os nenos e nenas que os estean esperando no andén da Estación.

Alí conformarase a Comitiva Real que estará integrada por catro carroza, unha coa estrela e 3 para os Reis Magos e seus paxes, que serán alumnos de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade.

A Comitiva Real partirá arredor das 18.30 horas dende a Praza da Estación, e percorrerá as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia (Ponte Novo), e finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello, sobre as 19.30 horas. Alí, os Reis Magos serán recibidos polo alcalde do Concello de Monforte de Lemos e demais autoridades e membros da Corporación municipal.

Por último, ás 19.45 horas as Súas Maxestades de Oriente lerán o discurso de Reis dende o balcón do Concello, finalizando a súa visita co reparto de caramelos e coa recepción ós nenos e ás nenas da cidade nas escaleiras do vestíbulo do Concello, como é tradición.

José Tomé sostivo que “coa chegada dos Reis Magos a Monforte, e co apagado, o vindeiro domingo 7 de xaneiro, do alumeado navideño do Concello, daremos por finalizado o completo programa de actividades de Nadal que dende o Equipo de Goberno desenvolvimos este ano en Monforte, e que resultou todo un éxito de participación”, destacou.

0.19620800018311