Os orzamentos de 2023 do Concello do Folgoso do Courel foron aprobados

RibeiraSacraXa
Os orzamentos de 2023 do Concello do Folgoso do Courel foron aprobados cos votos do Goberno pero en contra a oposición
concello folgoso courel
6 Mar 2023

O Concello de Folgoso do Courel aprobou co voto a favor do equipo de Goberno e a abstención dos grupos da oposición os orzamentos municipais para 2023, que este ano ascenden a 1.243.800 euros.

A rexedora, Lola Castro, destaca que se trata duns orzamentos "realistas, que poñen o foco no gasto social e nos investimentos reais".

A diferenza con respecto ao orzamento do ano pasado, que foi de 1,3 millóns de euros, débese á espera de confirmación de varias subvencións solicitadas polo Concello que incrementarán as contas unha vez que fosen concedidas.

Entre estas axudas, figuran as subvencións para financiar os talleres de emprego, para as melloras nas redes de abastecemento de augas, sumidoiros e camiños municipais, e para organizar actividades culturais e deportivas, entre outras.

Do total do orzamento, 742.147 euros destínanse a gastos de persoal, con subas iguais para todos os traballadores e traballadoras, non só para os funcionarios.

Os gastos en bens correntes e servizos supoñen 301.332 euros, mentres que os investimentos reais ascenden a 199.919 euros.

Investimentos dos orzamentos de 2023

O orzamento para 2023 outorga un total de 199.919 euros para investimentos reais. Irán destinados a abastecemento domiciliario de auga potable, estradas, camiños veciñas e outros investimentos de reposición de infraestruturas e bens destinados a uso xeral.

Vanse destinar 35.883 euros a muros de contención en estradas municipais, 29.683 euros ao camiño de acceso ao depósito de auga de Folgoso, 28.993 euros á estrada de acceso a Ferreirós de Arriba, 28.573 euros ao abastecemento e saneamento de Millares.

Por outra banda, dedicaranse 24.494 euros ao abastecemento de Liñariños e O Carbedo, 24.144 euros á reparación de camiños forestais de acceso Á Campa e núcleo rural de Froxán, 18.577 euros á pavimentación con pedras de cahapacuña en Froxán e 9.568 euros ao arranxo da Fonte de Vilar.

En relación coas prazas de auxiliares de axuda no fogar (SAF) efectuouse unha dotación orzamentaria real e axeitada ás necesidades de crédito que seguramente sexa preciso empregar ao longo do exercicio con motivos das situacións de incapacidade temporal que xa existen dende hai tempo e das que se veñen producindo nos últimos meses.

Desde o Goberno local destacan ademais a significativa baixada dos ingresos a percibir pola participación do Concello nos tributos do Estado, o cal reduce de forma relevante as posibilidades de gasto da administración local.

Isto, ao igual que en exercicios pasados, é consecuencia da regularización catastral producida no termo municipal no ano 2016, o cal á súa vez vén producindo que as liquidacións dos exercicios seguintes resultan negativas.

0.15029382705688