Os museos de Quiroga amplían os seus horarios durante o verán

RibeiraSacraXa
Os novos horarios son posibles grazas ao programa de voluntariado xuvenil e afectarán aos museos xeolóxico e etnográfico
Museo-Quiroga
Museo Xeolóxico de Quiroga
1 Jul 2025

Os museos xeolóxico e etnográfico de Quiroga contarán con horarios ampliados durante os meses de xullo e agosto grazas á participación do Concello no programa de voluntariado xuvenil da Xunta de Galicia.
Así, os museos abrirán de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas. Os sábados, domingos e festivos o museo xeolóxico estará aberto de 11:00 a 12:00 horas e o museo etnográfico de 12:00 a 13:00 horas.

Ademais, calquera día e en calquera momento están dispoñibles visitas guiadas para grupos de 10 ou máis persoas, que deberán concertar cita previa chamando ao 982 435 125 ou escribindo a cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.

Durante o mes de xullo volven as “Xornadas de portas abertas” todos os mércores, co seguinte horario: o museo xeolóxico de 11:00 a 12:00 horas e o etnográfico de 12:00 a 13:00 horas. A entrada será gratuíta e non é necesario anotarse; formaranse grupos na entrada de cada museo.

Ademais, dentro do programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, financiado pola Deputación de Lugo, o domingo 27 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas, terá lugar a actividade “Raíces e ritmos das montañas”, que inclúe visita aos dous museos, un obradoiro de instrumentos de música tradicional con Xavier Blanco da Fundación Legar e unha mostra de torneado de madeira de oliveira cos artesáns do obradoiro Armaior da Toca. Para anotarse ou solicitar información hai que escribir a turismo.quiroga@eidolocal.es ou chamar ao 982 435 125.

Tamén dentro deste programa, o xoves 7 de agosto no mesmo horario desenvolverase a actividade “A arte é moi doce”, unha actividade para nenos e nenas que combina unha ruta polos murais do concello coa visita ao museo etnográfico, centrada no mel, en colaboración con A Varrosa Mel. Esta actividade está destinada aos participantes dos Campamentos de Verán do programa Concilia Quiroga.

⚙ Configurar cookies
0.15918016433716