Os incendios de Quiroga, que ameazou Folgoso, e Carballedo están en fase de estabilización

RibeiraSacraXa
Na zona quiroguesa non hai chamas e as brigadas refrescan o terreo, mentres na zona dos Peares hai tranquilidade polos medios desprazados
monte-quiroga-incendio-forestal
22 Aug 2025

O incendio de Quiroga, que nos últimos días chegou a poñer en alerta a Folgoso do Courel, atópase xa en fase de estabilización, mentres que en Carballedo a evolución tamén é favorable e a situación considérase “controlada”.

Na serra quiroguesa os equipos de extinción continúan refrescando o terreo queimado, aínda que xa non se aprecian lapas activas. Segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, non existen focos de especial risco, mais estanse a realizar traballos de prevención para evitar que poidan rexurdir chamas, sobre todo tendo en conta a previsión de altas temperaturas para esta fin de semana.

O lume de Larouco chegou a achegarse ao límite co municipio de Folgoso do Courel, que no ano 2022 xa padecera unha vaga histórica. Grazas á actuación continua das brigadas, abrindo zanxas durante días e con apoio constante de medios aéreos, conseguiuse evitar que as lapas chegasen a entrar. Actualmente, a vixilancia mantense activa en puntos clave como Outeiro e Ferramulín. O perímetro queimado abrangue arredor de 170 quilómetros, segundo os cálculos municipais.

En Carballedo, na zona próxima ao encoro de Os Peares, o incendio que se declarou na tarde de onte obrigou a activar a Situación 2 pola proximidade ás aldeas de Oleiros e Papelle. Nun primeiro momento as lapas contivéronse con rapidez, aínda que se reactivaron pola noite, xerando nova preocupación. Este venres, o alcalde Julio Yebra-Pimentel transmitiu certa calma ao asegurar que “non hai perigo inmediato” grazas ao amplo dispositivo despregado, no que participan brigadas, maquinaria pesada, helicópteros e avións.

As estimacións iniciais indican que este foco queimou unhas 50 hectáreas. Para combatelo mobilizáronse 2 técnicos, 3 axentes, 7 brigadas, 8 motobombas, 2 palas, 4 helicópteros e 3 avións. Como medida de precaución, foron desaloxados os rapaces que estaban no Albergue de Os Peares: un total de 53 nenos e 11 monitores que foron trasladados ao albergue xuvenil Lug2.

⚙ Configurar cookies
0.1584050655365