Os autómatas de Kinetiko visitarán trinta concellos dende o luns

A mostra de autómatas Kinetiko visitará trinta concellos nos meses de agosto e setembro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A exposición inclúe oito pezas únicas, deseñadas e construídas polo titiriteiro Ero Vázquez, de Trécola, e do xogueteiro Manu Taboada, da Chintofanería, que se uniron no proxecto Xira Paus. A partir do movemento dunha manivela ou dun pedal, nas distintas estruturas cobran vida personaxes que reproducen sons e melodías – un pandeireteiro, unha guitarrista – e que recrean pequenas historias -un avó coidando unha horta, unha nena que retira lixo do mar, un equilibrista-.
A mostra está pensada para que o público poida manexar os mecanismos das distintas pezas e ver como funcionan. Así, os seus creadores estarán nas distintas localidades para facer demostracións e guiar ás persoas asistentes na visita.
O deseño e construción de autómatas -enxeños que se moven imitando seres vivos-, moi ligado ao mundo do teatro e do xoguete, é, segundo explica Ero Vázquez, unha actividade que ten precedentes na Grecia Antiga e que se mantivo ao longo do séculos en diferentes culturas.
En Galiza, conta, destaca a figura do clérigo Domingo Martínez de Presa, quen documentou nun libro as súas propias creacións. Precisamente, o titiriterio de Trécola, residente en Pol, embarcarase a partir de setembro na reprodución dunha delas, por encargo do Museo Galego da Marioneta de Lalín.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, mostrouse convencida de que “a exposición esperterá o interese de todos os públicos” e destacou que “pon en valor un traballo artesán e creativo, que apela a capacidade de sorpresa e ao neno ou nena que levamos dentro”.
Datas nos distintos concellos:
- Rábade: 2 de agosto
 - Quiroga . 4 de agosto
 - O Vicedo: 5 de agosto
 - Cervantes: 9 de agosto
 - Monforte: 10 de agosto
 - A Fonsagrada: 11 de agosto
 - Castroverde: 12 de gosto
 - Meira: 13 de agosto
 - As Nogais: 14 de agosto
 - Guitiriz: 15 de agosto
 - Ribas de Sil: 16 de agosto
 - Triacastela: 17 de agosto
 - Becerreá: 19 de agosto
 - O Valadouro: 21 de agosto
 - A Pobra do Brollón: 25 de agosto
 
- Sarria: 27 de agosto
 - Begonte: 11 de setembro
 - Mondoñedo: 12 de setembro
 - Pantón: 14 de setembro
 - Bóveda: 15 de setembro
 - Alfoz: 16 de setembro
 - Ribadeo: 17 de setembro
 - Palas de Rei: 19 de setembro
 - Pol: 21 de setembro
 - Burela: 22 de setembro
 - Xermade: 23 de setembro
 - Lourenzá: 24 de setembro
 - Chantada: 28 de setembro
 - Monterroso: 29 de setembro
 - Barreiros: 30 de setembro