Olga Novo gaña o III Premio das Letras Galegas Vivas outorgado pola Biblioteca Sabela Labraña

A poeta Olga Novo gaña o III Premio das Letras Galegas Vivas outorgado pola Biblioteca Sabela Labraña, forma parte da Asemblea Cultural Galega de Barcelona e que recoñece tanto a calidade da súa escrita coma o compromiso coa lingua e a cultura galegas.
O premio ten un carácter honorífico e nace co obxectivo de recoñecer anualmente a traxectoria dunha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo, coa finalidade de poñer en valor, non só a calidade literaria da súa obra, senón tamén o compromiso cultural, social e político da persoa premiada, con especial atención ás mulleres e á súa contribución á literatura e cultura galegas.
Despois da avaliar a obra e o compromiso das 28 persoas candidatas presentadas e a súa implicación no activismo social ou cultural, o xurado escolleu a Olga Novo como gañadora do III Premio das Letras Galegas Vivas, salientando o seu papel a prol da cultura e a lingua.
Nada na Pobra do Brollón en 1975, Olga Novo é unha poetisa e ensaísta licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi, ademais, profesora de bacharelato en varios institutos galegos e, tamén, profesora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient. A súa obra abarca publicacións como A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004) até Cráter (2011) e Feliz idade (2019), e a súa poesía levouna a acadar o premio da crítica galega e o Premio Nacional de poesía.
Dende a biblioteca explican que nos próximos meses terán lugar diversos actos ao redor da figura e a obra de Olga Novo, entre eles a entrega do propio galardón, que consiste nunha escultura feita polo artista Anxo Baranga inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural. Ademais, dende o centro instan ás institucións galegas a creación dun premio similar sen ter que agardar ao pasamento das persoas homenaxeadas, como acontece co Día das Letras Galegas, co fin de mostrar e celebrar o dinamismo da lingua galega.