O Xeoparque montañas do Courel gaña o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense

RibeiraSacraXa
A Deputación Provincial de Lugo ven de distinguir ao Xeoparque Mundial Montañas do Courel co premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense.
xeoparque montañas courel
3 sep 2021

O Consello Provincial de Turismo da Deputación Provincial de Lugo ven de distinguir ao Xeoparque Mundial Montañas do Courel -formado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel-, co premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense, dentro dos II Premios á Hostalería e ao Turismo da provincia.

O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, resultou distinguido, segundo o xurado, polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico. Foi declarado en 2019 pola UNESCO o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación; e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria neste territorio.

O xurado estivo formado por 18 persoas que forman o Consello de Turismo, vinculadas a este sector e coa presenza de representantes dos tres grupos políticos da Corporación provincial. A Xunta de Goberno provincial,debe aprobar agora a decisión tomada polo Consello para publicarse posteriormente no Boletín Oficial da Provincia. Os premios entregaranse nunha gala o vindeiro 27 de setembro, Día Mundial do Turismo

Estes galardóns, de carácter honorífico, teñen como obxectivo recoñecer publicamente o traballo e a dedicación das distintas empresas, persoas, institucións ou entidades a favor do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense.

Xunto co Xeoparque Montañas do Courel os premios Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir a outros tres proxectos turísticos e entidades da provincia en función duns méritos e características propias que axudan a promover un turismo de calidade na provincia: A páxina web Terras de Burón, o Concello de Viveiro polo seu proxecto Viveiro ante o Berce e a aldea de Turismo Rural O Mazo, tamén dentro do Xeoparque Montañas do Courel

0.18520998954773