O Senado insta ao Goberno a acometer unha rehabilitación integral e urxente da N-120 en Lugo

O Senado aprobou unha iniciativa na que se reclama ao Goberno central unha actuación “urxente e integral” na estrada N-120 ao seu paso pola provincia de Lugo, ante o deterioro do firme e o aumento das situacións de risco para os condutores. A proposta foi impulsada polos senadores do PP lucense na Cámara Alta.
O senador José Manuel Balseiro denunciou o “abandono institucional” que, ao seu xuízo, sofre esta vía estatal, fundamental para a vertebración do sur da provincia. Segundo explicou, a estrada presenta un pavimento cuarteado, con abundantes fochancas e sometido a parcheos continuos que non resolven o problema de fondo.
“Non é unha percepción política. É unha realidade que denuncian os veciños, que sofren os transportistas e que o propio Goberno de España non tivo máis remedio que recoñecer”, afirmou. Neste sentido, lembrou que o Executivo recoñeceu, en resposta ás preguntas formuladas polos senadores lucenses do PP, a frecuencia de accidentes, pinchazos e saídas de vía nesta estrada de titularidade estatal.
Balseiro insistiu na necesidade dunha reforma integral que inclúa a mellora do pavimento, do trazado e da sinalización e rexeitou o que considera “actuacións menores ou promesas”, e lembrou que esta mesma semana distintos medios advertían de que algúns treitos da N-120 se atopan “practicamente intransitables”.
Así mesmo, Balseiro reclamou o cumprimento do compromiso de executar o terceiro carril entre Os Peares e Ourense, publicado no BOE o 30 de abril de 2024. “Os compromisos públicos non se anuncian para quedar en titulares”, afirmou, senón que “se cumpren”. Por iso, esixiu prazos concretos para que tanto a rehabilitación integral como o terceiro carril sexan unha realidade.