O Saviñao acolle un obradoiro de literatura e escritura de terror
O Concello do Saviñao acolle o vindeiro 22 de outubro un obradoiro de literatura e escritura de terror dirixido a todas as persoas que o desexen de entre 10 e 99 (ou máis) anos de idade.
O obradoiro Terroríficas, historias de terror realizarase ás 18 horas e achega á literatura de terror a diversos públicos a través da lectura e da escritura. O obradoiro consta de dúas partes que combinan teoría e práctica: un repaso de distintas escritoras, do pasado ao presente, que traballaron o xénero do terror e a escritura dun relato de terror poñendo en práctica o visto no punto anterior.
Ademais, a actividade realizarase coa escritora Andrea Barreira. As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse na biblioteca ou chamando ao número de teléfono 982 452 324. Esta actividade enmárcase no programa de animación Ler conta moito.