O PSOE denuncia "falla de xestión" nos orzamentos de Medio Rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Seco di que fracasan no impulso ao interior de Galicia e reclama un verdadeiro plan forestal da Xunta, que actualmente “é papel mollado”
martin seco psoe parlamento
3 Nov 2021

Martín Seco di que fracasan no impulso ao interior de Galicia e reclama un verdadeiro plan forestal da Xunta, que actualmente “é papel mollado”.

O portavoz de Agricultura e Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe a “falla de xestión” dos Orzamentos do Medio Rural, que “fracasan no impulso ao interior e o freo do abandono do rural. Así o dixo na presentación dos orzamentos desta Consellería, hoxe en Comisión Parlamentaria, onde reclamou un novo Plan Forestal, logo de converter o actual texto en “papel mollado”.

O responsable socialista lamentou que os Orzamentos do Medio Rural para 2022 “fracasen na necesidade dunha discriminación positiva do goberno galego polo noso medio rural”. Sinalou que o próximo ano destinarán 11 millóns de euros menos que en 2009 en actuacións e valorización do medio rural, nunhas contas que aínda se manteñen por debaixo das últimas contas aprobadas polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño.

Sinalou que “o medio rural necesita de políticas transversais” baixo os eixos da mellora das rendas da poboación rural, a mellora dos servizos públicos e recuperar a confianza no futuro do medio. Pola contra, as contas presentadas pola Xunta “non apostan por incrementar os servizos públicos no rural, nin polas infraestruturas viarias necesarias para o desenvolvemento das comarcas do interior, nin no impulso das capacidades dos polígonos industriais”.

Responsabilizou ao goberno galego da baixa calidade dos centros educativos no interior, nos servizos ofrecidos nos centros de saúde ou nos servizos sociais “cuns concellos que cada día teñen que soportar máis competencias, derivados por unha Xunta que “lexisla pero non aporta fondos para os concellos aos que afoga economicamente”. “Dificilmente van frear o abandono do rural –engadiu- se os maiores non teñen asistencia social e as familias non teñen pediatra”.

Plan forestal

Ademais, denunciou o “caos xurídico” dunha Consellería que segue sen ofrecer instrumentos que completen a Lei da Cadea Alimentaria, e que aproba a Lei de Recuperación da Terra Agraria sen unha política activa de estruturas e de ordenación do territorio para apoiar a base territorial das explotacións. Sinalou que o Plan Forestal do goberno galego “é papel mollado”, e reclamou a integración de tódolos sectores e a estruturación do territorio.

Apuntou que “non pode ser que dende a entrada na UE desapareceran 9 de cada 10 explotacións que existían en Galicia” nun forestal que “supón o 50 por cento da produción de madeira pero só aporta o 13 por cento da renda, e o lácteo produce o 40 por cento do leito do estado pero só aporta o 11 por cento da facturación e o 7 por cento do emprego”.

Reclamou “unha verdadeira aposta polos sectores produtivos e un impulso da industria de transformación, e desenvolver un verdadeiro plan forestal co obxectivo de planificar o territorio, cun equilibro entre tódalas zonas de Galicia, favorecendo a produción e a conservación, que deben estar economicamente compensadas”. Reclamoulle ao conselleiro reverter o “total desmantelamento dos instrumentos de apoio aos sectores produtivos agrarios”.

Emprazou finalmente á Consellería a compartir a información relativa aos proxectos Next Generation, e cualificou de “drama” que “lle agochen a parte da representación do país unha cuestión que debera ser pactada e discutida conxuntamente”. Responsabilizou ao conselleiro de acadar un resultado eficaz nas negociacións da nova PAC entre as comunidades autónomas, que fagan os deberes con respecto ao abandono das oficinas comarcais”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17146992683411