O PSdeG da Pobra do Brollón alerta dunha “crise económica municipal” tras a aprobación do Plan Económico-Financeiro

RibeiraSacraXa
Critican que o plan se elaborase sen procura de consenso e que contemple recortes extremos en actividades culturais, deportivas e servizos básicos
adolfo-rubio-psoe-a-pobra-do-brollon
19 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista da Pobra do Brollón pon en alerta a delicada situación económica que atravesa o Concello tras a aprobación no último pleno dun Plan Económico-Financeiro imposto pola Xunta de Galicia debido, sinalan, a reiterados incumprimentos do goberno local. Segundo os socialistas, este plan é consecuencia de anos de “falta de planificación” e “mala xestión”.

Desde o PSdeG lembran que a Xunta tivo que requirir en varias ocasións ao Concello para que presentase o plan ante o incumprimento da estabilidade orzamentaria, reflectido nun déficit de máis de 70.600 euros na liquidación do orzamento de 2024. Para o portavoz socialista, Adolfo Rubio, esta situación “non é nova, senón que é consecuencia directa da incapacidade dun goberno que leva anos sen organizar o Concello nin anticiparse ás consecuencias das súas propias decisións”.

O alcalde, denuncian os socialistas, xustificou o déficit apelando ao carácter deficitario de servizos esenciais como a recollida do lixo, a auga ou o Servizo de Axuda no Fogar, ademais do incremento dos custos salariais e a dispersión poboacional. Non obstante, o PSdeG sostén que o problema non se explica só por estes gastos, senón pola ausencia dunha planificación económica e organizativa seria.

Os socialistas critican que, “en lugar de asumir responsabilidades”, o goberno optou por subir os impostos aos veciños, con incrementos bruscos como un 50 % no imposto de circulación e un 10 % no IBI rústico, medidas que califican de “auténtico sablazo fiscal”. Rubio denuncia que estas subidas non se fixeron de forma progresiva nin dialogada, senón que trasladan á cidadanía as consecuencias da mala xestión.

O PSdeG tamén alerta de que preto do 90 % do orzamento municipal destínase a gasto en persoal e bens e servizos, deixando ao Concello sen marxe para manobrar e sen solucións estruturais no Plan Económico-Financeiro, que acaba impondo máis impostos ou recortes en servizos á poboación.

Ademais, critican a “falta de ética política” por parte do equipo de goberno, que aumentou en 500 euros os salarios do alcalde e do tenente de alcalde “mentres se esixe sacrificio aos veciños”.

O plan, segundo o PSdeG, presenta erros graves e reflicte unha falta de rigor que lles fai dubidar da capacidade de xestión do goberno local. Por outra banda, valoran o papel da Deputación de Lugo, cuxa inversión está a ser clave para manter servizos e actividade no municipio en medio desta crise.

Por último, os socialistas lamentan que o plan se elaborase “sen diálogo coa oposición nin procura de consensos”, e que contemple recortes extremos en actividades culturais, deportivas e servizos básicos. Por responsabilidade, din, optaron por absterse na votación, cualificando o plan como “a solución menos mala” pero advertindo que “se o goberno non é quen de xestionar o Concello nin de asumir as súas responsabilidades, entón haberá que cambiar o goberno”.

⚙ Configurar cookies
0.094524145126343