O programa ‘Descubrir Quiroga’ achegou a artesanía tradicional aos museos do municipio

Os museos de Quiroga acolleron esta fin de semana unha actividade centrada na artesanía tradicional, dentro do programa turístico ‘Descubrir Quiroga’, impulsado polo Concello en colaboración coa Deputación de Lugo.
A xornada comezou cunha visita ao Museo Xeolóxico, para logo trasladarse ao Museo Etnográfico, onde se realizaron demostracións en directo de distintos oficios artesáns. Na sala do tear, as Palilleiras da Ribeira Sacra mostraron como se traballa o encaixe de bolillos, amosando tanto o proceso como unha mostra de pezas xa rematadas, algunhas delas con deseños actuais como chales ou bolsos.
Na sala dedicada á madeira, a firma Armaior explicou como elaboran utensilios de cociña a partir de madeira de oliveira e buxo, cunha demostración en torno que permitiu ver de preto o traballo manual e os detalles que deixa a veta natural da madeira.
A xornada incluíu tamén unha actividade musical a cargo da Fundación Legar, centrada na música de raíz. As persoas participantes puideron montar pequenos instrumentos de madeira e probar o seu son, pechando a actividade cunha breve actuación conxunta. O día rematou cunha degustación de produtos locais.
O programa ‘Descubrir Quiroga’ continuará a próxima fin de semana con propostas de aventura como unha actividade de iniciación ao piragüismo en Augas Mestas e unha ruta polas fervenzas da zona. A participación é de balde, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo.