A educación superior é o primeiro factor de abandono das áreas rurais pola mocidade

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A transición á educación superior constitúe o primeiro ímpeto que leva a mocidade a abandonar e, polo tanto, a emigrar das áreas rurais
estudantes USC
estudantes USC
5 dic 2022

A transición á educación superior constitúe o primeiro ímpeto que leva a mocidade a abandonar e, polo tanto, a emigrar das áreas rurais, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra a investigadora da USC Rocío Toxo Asorei baixo o título Factores determinantes da emigración rural da poboación moza de Galicia no século XXI.

Toxo Asorei caracteriza na súa tese de doutoramento a emigración da mocidade rexistrada nas áreas rurais de Galicia, ao tempo que analiza en que medida os seus factores determinantes  converxen cos parámetros xa destacados na literatura científica referida ás áreas rurais doutros contextos europeos. O contexto da Galicia do século XXI é moi diferente ao da centuria anterior, período no que un modelo demográfico caracterizado pola inversión das migracións ao estranxeiro, a forte caída da fecundidade e da natalidade, a aceleración do proceso de envellecemento, a concentración da poboación nas áreas non rurais e o despoboamento xeneralizado de comarcas rurais do interior.

A realidade advertida en Galicia, mantén a investigadora, non constitúe unha excepcionalidade demográfica, xa que a evolución dos procesos demográficos responde tendencias xerais propias das sociedades dos países de Europa occidental. Ao igual que ocorre noutros contextos europeos, o declive demográfico e o despoboamento son dous dos fenómenos máis destacados que experimentan actualmente moitas áreas rurais galegas, fenómenos que están estreitamente ligados á emigración rural da poboación moza.

As estatísticas oficiais sobre migracións en Galicia indican que o perfil máis habitual de emigrante rural é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos que opta por establecerse nalgún concello non rural da provincia da Coruña ou de Pontevedra, en parte, como consecuencia da súa transición á educación superior, que xeralmente representa o primeiro ímpeto para emigrar das áreas rurais, que deparan escasas oportunidades para este nivel educativo. Daquela, a finalización dos estudos obrigatorios implica a necesidade de elixir —por primeira vez— entre permanecer no rural ou abandonalo, di Toxo.

A maioría das persoas que emigran das áreas rurais para cursar estudos superiores non retornan ao lugar de orixe unha vez graduadas, xa pola falta de oportunidades xa por mor da atracción que exercen as contornas urbanas como lugares de socialización e de realización persoal e profesional, explica Toxo Asorei. A investigadora da USC sinala asemade que “a emigración rural da poboación moza é unha característica salientable de moitas áreas rurais europeas e as súas consecuencias orixinan desafíos que urxe afrontar”, a pesar de se un fenómeno cuantitativamente menor que a emigración interurbana nesa mesma franxa de idade.