O PP rexeita no Parlamento rehabilitar a Capela de Guadalupe

O deputado do BNG, Iago Suárez, reclamou este xoves na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia una intervención urxente para garantir a conservación da Capela de Guadalupe, situada na parroquia de San Vitorio de Ribas de Miño, no Saviñao.
Preto dunha tritena de veciños desprazáronse a Santiago para amosar o seu descontento ante o deteriorio que sofre esta edificación, un feito que segundo destacou Suárez, “dá boa conta do profundo apego que sente a veciñanza pola súa capela e do seu compromiso coa defensa do patrimonio”.
A capela é, segundo destacou o deputado, “unha xoia da Ribeira Sacra e de toda Galiza” situada nun enclave privilexiado con vistas a varios concellos e parroquias da contorna. “É unha construción literalmente única, motivo de orgullo para quen habitamos o sur de Lugo, e debera selo para toda Galicia”, afirmou.
Lembrou ademais que a capela está incluída no expediente de catalogación da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que a Xunta de Galicia ten o deber legal de garantir o seu mantemento. Porén, denunciou que ata o de agora todas as actuacións de conservación recaeron exclusivamente na veciñanza, que mesmo tivo que reforzar o interior da edificación para evitar o seu derrubamento.
O nacionalista explicou que fai unhas semanas o seu grupo puido compromar in situ “o grao de deterioro, con goteiras, roubos e deficiencias estruturais da capela”. Porén, denunciou, “á Xunta éncheselle a boca coa Ribeira Sacra, animando a xente a visitala e ver o bonita que é, co obxectivo de convertela Patrimonio da Humanidade”, pero logo “gastan bastante máis nun só festival de música aquí en Compostela –O son do Camiño— para promocionar artistas como Katy Perry ca os 1.200.000 euros en rehabilitacións singulares”.
Suárez criticou a falta de plans reais por parte do Goberno galego para o desenvolvemento da Ribeira Sacra, e acusou á Xunta de usar a zona “como atrezzo”, ignorando aos veciños que viven nela. “Non hai plan de emprego, nin de mobilidade, nin de remuda xeracional no sector vitivinícola, tampouco de turismo, nin sequera un plan de coidado do patrimonio”, sinalou.
Neste sentido, o deputado advertiu que sen veciñanza non hai futuro para a Ribeira Sacra. “Somos indíxenas, aborixes, pero non somos menos ca ninguén. Somos quen sostemos esta paisaxe que tanto se quere vender fóra, malia termos os salarios e pensións máis baixos do Estado”.
Na proposta do BNG solicitábanse dúas medidas concretas. Por un lado, a elaboración dun estudo de campo rigoroso sobre o estado da Capela de Guadalupe no actual período de sesións e, por outro, o inicio dos traballos de rehabilitación antes da finalización da XII Lexislatura.
“Teñen agora unha oportunidade de ouro de demostrar con feitos o seu compromiso co Saviñao, coa Ribeira Sacra e coa xente que a habita. Non abonda con palabras; hai que actuar. Mostren co seu voto se lles importa ou non este patrimonio único. Baixen á sala Domingo Fontán e díganlles á cara aos veciños e veciñas de San Vitorio de Ribas de Miño que van deixar que caia a súa capela”, emprazou Suárez.
Porén, explican os nacionalistas, “os 30 veciños e veciñas que escoitaron a intervención desde a sala F do Parlamento, tiveron que ver, en directo, como o PP votaba en contra”.