O PP presenta unha iniciativa no Congreso para esixir a rehabilitación da N-540 entre Ourense e Lugo

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Denuncian o “pésimo estado” desta estrada e urxen ao Ministerio de Transportes a que adopte “medidas efectivas e inmediatas” ao respecto
pp-n-540
3 Mar 2026

Os representantes do PP de Ourense e Lugo no Congreso denuncian o “pésimo estado” da N-540 e esixen ao Goberno medidas efectivas e inmediatas. Os deputados por ambas provincias, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, e Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, presentaron este martes unha nova iniciativa parlamentaria na que solicitan “a adopción de medidas efectivas e á maior brevidade posible que garantan a seguridade dos usuarios”.

Os populares lembran que xa en outubro de 2025 rexistraron varias preguntas dirixidas ao Goberno, relativas ao contrato de rehabilitación do firme da N-540, á data de inicio das obras e á finalización prevista, así como aos traballos executados nesta estrada. Con todo, critican a resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que aseguraba “en apenas seis liñas” que se iniciaran eses traballos en 42 km da N-540 ao seu paso pola provincia de Lugo e que o importe investido era superior ao previsto. Para os deputados, a explicación foi “insuficiente e desalentadora”.

Ademais, denuncian que máis de dous anos despois do inicio formal das obras, en abril de 2024, non consta “que se executara actuación algunha en 26 km da N-540, nin que se comprometera unha data para o remate das obras de rehabilitación do firme”, ao que hai que sumar os efectos dos temporais deste inverno, “o que provocou que o estado do firme sexa aínda máis penoso”.

Ante esta situación, os deputados recompilan nesta nova iniciativa as noticias e as queixas dos usuarios desta vía, asegurando que “todos os días chegan noticias de vehículos con rodas rebentadas polos enormes buracos ou danos nos amortecedores”, e piden “coñecer se o ministerio vai adoptar medidas urxentes para a rehabilitación integral do firme, e se se fará cargo dos danos ocasionados nos vehículos”, así como o detalle dos traballos executados e a data de remate dos mesmos.

“Non é de recibo que, vencido o primeiro cuarto do século XXI, dúas capitais de provincia como Ourense e Lugo non estean comunicadas por autovía, xa que o goberno de Sánchez e Óscar Puente abandonou o proxecto da A-56. Resulta indignante que a obsoleta estrada N-540 presente un penoso estado de mantemento e conservación”, sinala o deputado Celso Delgado.

0.11654806137085