O PP pide o arranxo “inmediato” da LU-P-1801 ao seu paso por Chantada

O voceiro do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo pide ao Goberno provincial unha actuación “inmediata e urxente” na LU-P-1801, en Chantada, ante o “elevado risco de derrubamento” que presenta esta vía. Antonio Ameijide, xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela, comprobaron este xoves o estado desta estrada que conecta Chantada, Nogueira e Os Peares. Concretamente, o PP alerta de que, aproximadamente no PK15, o firme “está a desprenderse, cun elevado risco de derrubamento cara os bancais e o río”.
Ameijide denuncia o “alarmante estado” que presenta a estrada provincial LU-P-1801, e critica que “a única actuación realizada pola Deputación foi poñer unhas barreiras para evitar o paso pola zona afectada e botar un pouco de formigón na cuneta contraria”.
O voceiro provincial popular esixe “unha actuación rápida e urxente” non só para “garantir a circulación, senón tamén para garantir a seguridade xa que hai un evidente risco de que parte do talude que sustenta parte do firme pode desprenderse en calquera momento cara os bancais de vides e ao río”.
Ademais, sinala de que no caso de desprenderse o talude, podería producirse un posible dano ao río polo posible arrastre de terras que, di, “suporía un impacto ambiental, e un seguro dano a inmobles, viñas e propiedades privadas sobre as que caería a estrada se non se actúa de xeito inminente e contundente”.
Ademais, acusan ao goberno provincial de “nula sensibilidade institucional” porque “durante uns días cortaron a circulación sen informar da situación ao Concello de Chantada”. Para o voceiro popular, “resulta imprescindible que o goberno da Deputación actúe con rapidez e eficacia, adoptando as medidas necesarias para estabilizar o talude, garantir a seguridade da vía e evitar danos ambientais e económicos irreparables”.